Saltar ao contido

Vera Zasulich

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaVera Ivanovna Zasulich
Biografía
Nacemento27 de xulloxul./ 8 de agosto de 1849greg.
Mikhailovka, Imperio Ruso
Morte8 de maio de 1919
Petrogrado Unión Soviética RSFS de Rusia
Lugar de sepulturaLiteratorskie mostki Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidaderusa
Q89547790revolucionaria
Actividade
Campo de traballoRevolucionario, Escrita creativa e profesional e Menxevique Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónescritora, xornalista de opinión, crítica literaria, editora literaria, xornalista, política, revolucionario Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Obreiro Socialdemócrata Ruso Editar o valor en Wikidata
Membro de
Pseudónimo literarioА. Булыгина Editar o valor en Wikidata
Participou en
17 de xullo de 1903 (Xuliano)II Congreso do Partido Obreiro Socialdemócata de Rusia Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeLev Deich Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Засулич Вера Ивановна)
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
Find a Grave: 29138750 Editar o valor en Wikidata

Vera Ivanovna Zasulich (en ruso: Ве́ра Ива́новна Засу́лич), nada en Mikhailovka (provincia de Smolensk) o 27 de xulloxul./ 8 de agosto de 1849greg. e finada en Petrogrado o 8 de maio de 1919, foi unha escritora e revolucionaria marxista, membro fundador do Grupo para a Emancipación do Traballo. Nada nunha familia nobre empobrecida, frecuentou durante os seus estudos en Petrogrado os ambientes revolucionarios estudantís. Foi encarcerada en 1869 por manter correspondencia co líder nihilista e anarquista Sergei Netchaev. Trala súa excarceración en 1871, estabeleceuse en Kíiv, onde contactou con Insurxentes de Kíiv, un grupo revolucionario de seguidores de Mikhail Bakunin, chegando a converterse nunha líder respectada.

En 1878, Zasulich e a revolucionaria social María Kolenkina planearon asasinar Vladislav Zhelekhovski, un promotor famoso polos seus procesos contra a militancia revolucionaria, e o coronel Teodor Trepov, gobernador de Petrogrado, que era coñecido por proscribir as rebelións polacas en 1830 e 1863. O atentado contra Zhelekhovski resultou infrutuoso, mais Zasulich conseguiu ferir gravemente Trepov. Foi atrapada, mais no seu amplamente difundido proceso, un xurado favorable a ela declarouna inocente.[1]

Trala anulación do proceso, Zasulich viaxou a Suíza, onde contactou con grupos marxistas e colaborou na fundación do Grupo para a Emancipación do Traballo con Georgii Plekhanov e Pavel Akselrod en 1883. O grupo encargou Zasulich a tradución de diversos traballos de Karl Marx ao ruso, o que contribuíu a ampliar a influencia do marxismo entre a intelligentsia rusa ao punto de tornarse fundamental para creación do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (POSDR) en 1898. A mediados da década de 1900, os líderes da á radical Julius Martov, Vladimir Lenin e Aleksandr Potresov uníronse a Zasulich, Plekhanov e Akselrod en Suíza. Debido ás tensións entre as dúas ás do Partido, os seis fundaron o xornal revolucionario Iskra, e formaron o seu equipo editorial, que se opuña aos marxistas moderados coñecidos como os economistas e tamén aos ex-marxistas como Sergei Bulgakov e Piotr Struve. Porén, durante o II Congreso do POSDR, o marxismo verificou unha ruptura entre os menxeviques de Julius Martov e bolxeviques de Lenin. Zasulich situouse do lado de Martov, tornándose unha líder do menxevismo. Con todo, o seu interese na política decaeu rapidamente. Regresou á Rusia tras a Revolución de 1905.[2] Alí, apoiou a política de participación da Rusia na primeira guerra mundial e opúxose á Revolución de Outubro dirixida polos bolxeviques.[3] Morreu en Petrogrado en 8 de maio de 1919.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade

[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia da baixa nobreza rural[4] o 27 de xulloxul./ 8 de agosto de 1849greg. no distrito de Gzhatsk, na provincia Smolensk.[4][5] Foi a cuarta filla do matrimonio formado por Feoktista Mikhailovna e Iván Petrovich Zasulich.[5] A súa nai recibira unha pequena facenda que non soubo xestionar e o seu pai era capitán do exército de ascendencia nobre pero escasos recursos; ambos casaron en 1842.[6] O seu pai deuse ao alcoholismo e pasou longos períodos afastados da familia até a súa morte cando Zasulich contaba con tres anos. Trala morte do pai, a nai enviou tres das súas fillas, incluída Vera, a vivir con familiares; Vera pasou a residir a escasos quilómetros da casa familiar, nunha leira duns tíos onde pasou a maior parte da súa infancia e adolescencia. Non foi un período feliz, como a propia Zasulich reflectiu nas súas memorias.[6] A pesar do seu intenso desagrado pola institutriz da familia dos seus tíos, que tamén a educou a ela, esta inculcoulle un interese pola literatura, o mundo das ideas e as culturas estranxeiras que mantivo toda a súa vida.[7] Tamén aprendeu alemán e francés, que lle foron de grande utilidade durante o seu posterior exilio.[7]

Durante a súa adolescencia adoptou unha maneira peculiar de vestir, indiferente ás aparencias, que se asociaba aos nihilistas e que mantivo durante toda a súa vida.[8] O seu aspecto daba a impresión aos seus achegados de convertela na personificación da loita revolucionaria. Durante a súa infancia desenvolveu ademais unha timidez, reserva e dificultade para o trato superficial que conservou toda a súa vida.[9] Os seus silencios a miúdo interpretáronse máis adiante durante a súa carreira revolucionaria como falta de opinión sobre os asuntos tratados.[10]

En 1866 a súa nai lograra reunir o diñeiro suficiente para enviala xunto cunha das súas irmás a Moscova a recibir a educación necesaria para presentarse aos exames oficiais para institutrices, oficio que Zasulich para entón xa detestaba.[11] En Moscova, ademais da superficial formación oficial, comezou a ler autores revolucionarios e doutras ideoloxías. As dúas irmás entraron en contacto cos círculos revolucionarios moscovitas a través da súa irmá máis vella Ekaterina.[12]

En 1867 graduouse e aprobou o exame para converterse en mestra privada.[13] No outono do ano seguinte, trasladouse á capital coa súa nai, colocándose como axudante dun xuíz de paz mentres continuaba a súa formación de profesora. Na escola de mestres coñeceu o revolucionario Serguei Nechaev, que a presentou a algúns dos seus correlixionarios políticos.[14]

Primeiras actividades subversivas, arrestos e deportacións

[editar | editar a fonte]
A fortaleza de San Pedro e San Paulo en San Petersburgo onde Zasulich pasou un dos seus dous anos de prisión sen cargos en 1870. O seu encarceramento acelerou a súa conversión en revolucionaria.

Nechaev partiu ao exilio e utilizou a Zasulich como intermediaria na súa correspondencia con outros revolucionarios; foi arrestada en Moscova xunto coa súa nai e unha das súas irmás o 30 de abrilxul./ 12 de maio de 1869greg., de volta á capital e encarcerada sen xuízo até maio de 1870.[15][16][17] Pasou dous anos en prisión sen ser acusada formalmente. O período de prisión levou a Zasulich a simpatizar cos revolucionarios, vistos por ela como altruístas dedicados a mellorar a instrución e acabar coa pobreza da poboación, e a involucrarse no movemento.[18][19] Para Zasulich, o seu período en prisión levouna a convencerse da necesidade de acabar coa opresión e a identificar a súa vida nela coa situación xeral de Rusia, que consideraba como unha enorme prisión.[20]

A comezos de 1870, foi trasladada á fortaleza de San Pedro e San Paulo onde pasou outro ano; foi finalmente acusada no xuízo a Nechaev, en marzo de 1871.[21] Absolta, foi liberada inmediatamente. Poucos días despois, foi detida novamente e desterrada á provincia de Tver. Deportada con dous kopeks e o vestido que levaba, sen familia nin coñecidos na cidade, tivo que vivir varios meses da caridade. En xuño de 1871 e grazas á intercesión da súa nai, permitíuselle mudarse á capital provincial, onde residía unha das súas irmás e o seu cuñado. No verán de 1872 foi de novo arrestada acusada de distribuír literatura prohibida a algúns estudantes e exiliada á provincia de Kostromá.[22] En decembro de 1873, foi trasladada a Khárkiv, onde quedou baixo vixilancia policial, o que lle impediu atopar traballo como matrona e volveu sufrir penurias. A finais de 1875, permitíuselle regresar a Penza e máis tarde á capital. Durante a súa estancia de catorce meses no sur de Rusia nesta década, dedicouse a estender a conciencia revolucionaria entre o campesiñado.[23] Durante este período foi cando Zasulich comezou unha relación con Lev Deich que durou até a súa captura e envío a Siberia en 1884.[24] Tamén en 1876 aprobou, aínda que non participou, o brutal intento de asasinato dun dos seus compañeiros revolucionarios, do que se sospeitaba que era un informador da policía, aínda que non se tiñan probas.[25]

O atentado contra Trepov e as súas consecuencias

[editar | editar a fonte]
Representación do atentado de Zasulich contra o xeneral Trepov.

Trala delación do grupo á policía polo compañeiro torturado, que perdeu a vista e quedou coa cara deformada polo ataque dos seus correlixionarios, o grupo dispersouse e Zasulich trasladouse a San Petersburgo en decembro de 1876 tras pasar por Khárkiv.[26] Na capital uniuse á recentemente creada Zemlia i Volia («Terra e Liberdade»), para a que traballou como tipógrafa. Durante unha das súas periódicas visitas á súa irmá e ao seu cuñado en Penza, decatouse en xullo de 1877 do azoutamento de Aleksei Bogoliubov (pseudónimo de Arjip Iemelianov) nos calabozos de San Petersburgo. A súa reacción á noticia levaríaa á fama internacional. Bogoliubov era un estudante que fora detido en decembro de 1876 por acharse preto dunha manifestación fronte á catedral de Kazán en San Petersburgo, xulgado en xaneiro de 1877, e condenado a quince anos de traballos forzados.[27] Tras apelar a sentenza, achábase nos calabozos de San Petersburgo cando foi azoutado en xullo. O incidente debeuse a que o xeneral Trepov, adicto á disciplina e gobernador da capital naquel momento, entendeu que a actitude de Bogoliubov fora impertinente e ordenou o seu azoutamento como exemplo e escarmento.[28][29] O castigo fora ilegal segundo as leis rusas.

O 24 de xaneiroxul./ 5 de febreiro de 1878greg. atentou contra o xeneral Trepov ao que acusou de maltratar un preso político, foi arrestada e xulgada polo disparo contra o militar.[30][31] Presentouse ante o gobernador finxindo necesitar un certificado de boa conduta e logrou ferilo na pelve co segundo disparo.

O seu xuízo tivo lugar nun xulgado civil a finais de marzo, tratando o ministro de Xustiza, recentemente criticado por un xuízo político, de evitar as connotacións políticas do atentado de Zasulich e de lograr a súa condena, oprimindo o xuíz encargado do caso.[32][33] Xulgada por un xurado (algo ilegal para o seu delito), foi absolta trala exaltada defensa do seu avogado, que presentou o seu caso como un intento de xustiza contra a arbitrariedade da administración.[1][34][35][36] Asistiran importantes personalidades, como diversos ministros ou o escritor Fiodor Dostoievski, que utilizou o xuízo como inspiración para certas pasaxes dos Irmáns Karamazov.[37] O seu xuízo supuxo unha derrota para o Goberno, que quedou desacreditado pola represión política.

A súa absolución, con todo, fixo que o Goberno aprobase pouco despois unha disposición pola que os ataques a funcionarios públicos quedaban excluídos dos xuízos con xurado.[38][39] Os casos máis graves pasaron a depender de consellos de guerra. O seu atentado non só levou cambios na forma de xulgar os casos de subversión e unha humillación para o Goberno, senón que supuxo o comezo da campaña de terrorismo contra a administración autocrática tsarista, fundándose en 1879 o principal partido terrorista ruso, Naradnaya Volia («Vontade Popular»).[40][41]

Ao día seguinte da súa absolución a policía acudiu a detela novamente, pero partira ao exilio, despois de varias semanas na clandestinidade nas que cambiou constantemente de residencia.[42] A finais de maio, abandonou Rusia para instalarse en Suíza acompañada dun veterano revolucionario.[43] Cinco días máis tarde e grazas á axuda de certos membros de Zemlia i Volia, alcanzou Suíza. Modesta e tímida, comezou por entón o seu costume de pasar tempadas en soidade no campo, que mantivo o resto da súa vida.[44] Oposta cada vez máis ao terrorismo, regresou a Rusia clandestinamente a finais do verán de 1879 e pouco despois Zemlia i Volia disolveuse polas disensións internas relativas a este.[45][46]

Durante estes primeiros tempos, Zasulich pertencía ao grupo da Repartición Negra, un dos grupos políticos xurdidos de Zemlia i Volia, minoritario fronte a Naradnaya Volia, pero que contaba con destacados revolucionarios que máis tarde se converterían en socialdemócratas (Plekhanov, Axelrod...[47]).[48] Este grupo opúñase aos seus antigos compañeiros que optaran por centrarse no terrorismo como método para acabar coa autocracia do tsar e seguían defendendo como alternativa a axitación do campesiñado.[49] O seu exilio xunto co de destacados membros do grupo debilitou aínda máis a organización no país. Non regresou a Rusia até a amnistía de 1905, aínda que realizou dúas viaxes clandestinas ao país, unha en 1879 e outra en 1899 .[50]

Exilio e o Grupo para a Emancipación do Traballo

[editar | editar a fonte]
Lev Deich (ou Deustch), parella de Zasulich, foi detido en Alemaña e deportado a Rusia en 1884 cando realizaba unha misión para o Grupo para a Emancipación do Traballo.

Estableceuse en Suíza. A comezos da década de 1880, como outros exiliados, abandonou o seu anterior populismo para converterse ao marxismo.[51][52] Antes participou nos infrutuosos intentos de reconstituír Zemlia i Volia. En setembro de 1883, participou na formación do Grupo para a Emancipación do Traballo, unha agrupación marxista dedicada á redacción e tradución de obras socialistas.[53][54][55] Até 1890 sostivo a importancia da comuna rusa na futura revolución, actitude que Engels enxalzou pero que rexeitaron os seus colegas do grupo.[56] A partir de entón, adoptou a opinión común a Plekhanov e Axelrod dunha revolución baseada no proletariado urbano tras un período de desenvolvemento capitalista, unha vez que aquel desenvolvese a súa conciencia de clase. Esta convicción da necesidade de que a revolución a realizase o propio proletariado levouna máis tarde a oporse á Revolución de Outubro por considerala prematura.[57]

A diferenza de Plekhanov, conservou boas relacións con outros revolucionarios que non se converteron ao marxismo, o que levou a que fose elixida en ocasións como representante en actividades cerimoniais de todo o movemento revolucionario ruso.[58]

Moi reservada e lenta na redacción das súas obras, ás veces foi subestimada polos seus colaboradores na súa capacidade de análise.[59][60] Menos dotada que Plekhanov para a análise teórica, que Axelrod na organización dos socialistas rusos ou que Lenin no debate, achegou a súa gran sensibilidade cara a temas morais ao socialismo ruso. A combinación do talento dos tres, con todo, deu unha importancia ao grupo desproporcionada respecto ao número dos seus compoñentes.[61] O arresto en febreiro de 1884 de Lev Deich, a súa parella, deprimiu a Zasulich que, frecuentemente enferma e de seu lenta como escritora, deixou en mans de Plekhanov e Axelrod a maior parte da produción literaria do grupo.[62][63][64] Xa no seu período ruso e máis tarde no exilio, Zasulich quedou influenciada e sometida ao criterio de Plekhanov, considerado o pai do marxismo ruso e brillante teórico, aínda que irascible e arrogante.[65] Zasulich adoraba a Plekhanov, pero era consciente dos seus defectos.[66]

En 1881 escribiu a Marx para solicitar a súa opinión sobre a corrección da suposición dos populistas rusos de que a comuna rusa sería a base do futuro socialismo, que aquel respondeu con ambigüidade.[67] Case ao mesmo tempo, o asasinato do tsar Alexandre II polos terroristas de Narodnaya Volia fíxoa sopesar a posibilidade de regresar a Rusia, a pesar do seu convencemento da inutilidade do acto. A represión do Goberno, que detivo os implicados no rexicidio, fixo que desbotase a idea e que se resignase a permanecer no exilio.[68]

Como o resto do grupo, viviu con grande estreiteza no exilio e tivo que aceptar traballos sen relación coa tarefa revolucionaria para poder sobrevivir; na segunda metade da década de 1880, comezou a aceptar donativos –en forma de préstamos que non podía devolver– do tamén revolucionario Serguei Kravshinski.[69] Con mala saúde desde o período carcerario, no exilio empeorou; en 1889 contraeu tuberculose mentres coidaba de Plekhanov, afectado tamén da enfermidade. Mal tratada, a enfermidade nunca quedou erradicada.[70] Vivía nos arredores de Xenebra, lonxe dos cafés onde se congregaban os exiliados rusos coas súas disputas e apenas abandonaba o seu aloxamento para visitar os Plekhanov ou para ver a algún visitante interesado en coñecer en persoa a atacante de Trepov.

En 1889 seguiu a Plekhanov ao seu exilio en Francia tras ser expulsado de Suíza e pasou naquel país os cinco anos seguintes. En 1894 os dous foron expulsados de Francia e pasaron a Gran Bretaña. Zasulich permaneceu en Gran Bretaña até a primavera de 1897, encantada coas instalacións do Museo Británico, a pesar de regresar Plekhanov xa antes a Suíza.

Ante a fame negra de 1891, tratou de formar unha organización de axuda aos campesiños que agrupase as diversas correntes revolucionarias, con escaso éxito.[71] A pesar das súas duras críticas aos populistas en 1890, en 1892 mostrouse novamente disposta a colaborar con eles para tratar de aliviar as privacións dos campesiños.[72]

Residente en Gran Bretaña desde 1894, puido observar a evolución dunha sociedade capitalista desenvolvida e os acontecementos que levaron a Eduard Bernstein a poñer en dúbida a teoría marxista a finais da década de 1890 e fundar a corrente revisionista.[73] Durante a súa estancia en Gran Bretaña, tratou de solicitar o apoio dos laboristas para aprobar resolucións en apoio aos folguistas rusos de San Petersburgo en 1896.[74] Participou xunto con outros membros do grupo e figuras socialdemócratas rusas no cuarto congreso da Internacional Socialista.[75]

En 1900 realizou unha visita clandestina a Rusia para tratar con Lenin, Martov e Potresov.[76] Durante a Revolución rusa de 1905 regresou a Rusia.[2] Morreu en 1919.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]

A súa concepción do ideal socialista consistía en esencia en consideralo o modelo que podería producir o maior ben ao maior número de persoas, unha especie de altruísmo. Sobre a natureza do futuro partido socialdemócrata e a diferenza de Plekhanov e Axelrod que o consideraban unha expresión do proletariado urbano e un medio para aumentar a súa conciencia de clase, ou de Lenin, que o concibía como unha asociación de revolucionarios profesionais entregados ao que consideraban os intereses da clase obreira, Zasulich considerábao como unha asociación de individuos que quedaban moralmente purificados pola súa pertenza á organización.[77][78] A mellora moral dos individuos reunidos no movemento servía, na súa opinión, como proba definitiva da superioridade do socialismo.[79] O sacrificio e dedicación dos socialistas debían servir como modelo das calidades que se estenderían unha vez alcanzado o ideal. O partido convertíase nunha sociedade perfeccionada en miniatura.

Escribiu sobre Voltaire, unha biografía de Rousseau (1896) e unha historia da Primeira Internacional.

Foi membro editor de Iskra («A Chispa») e Zaryá («Amencer»).[80] A súa influencia na primeira foi, con todo, escasa.[81] Tras a división do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia en dúas fraccións, menxevique e bolxevique, uniuse á primeira.[82] Tras 1900, con todo, a súa tuberculose, que empeorara, impediulle implicarse nos temas máis relevantes do momento, quedando máis como unha icona revolucionaria que como unha contribuínte aos debates de entón.

A súa postura sobre a natureza do partido, que tratou en numerosas ocasións de manter unido, consistiu en defender a súa transformación dunha agrupación de revolucionarios de orixe burguesa a unha organización de masas controlada polo proletariado, única forma de alcanzar a revolución.[83] Nunha carta a Friedrich Engels en 1890, aclaraba a súa opinión sobre a tarefa dos intelectuais burgueses no movemento socialista:[84]

A nosa tarefa é dedicarnos incondicionalmente a propagar o socialismo revolucionario, os principios do marxismo, e aclarar a confusión ideolóxica presente, moi prexudicial para o movemento...

Tras un período no que os intelectuais guiarían o proletariado, máis tarde, en vésperas da revolución, os papeis intercambiaríanse, tomando este a dirección do movemento.[85] A súa postura rexeitaba calquera tentación de «xacobinismo», opóndose á formación dun partido elitista e centralizado máis aló do tempo necesario pola represión do réxime tsarista.[86] A súa postura coincidía coa de Axelrod na primacía das masas obreiras na revolución fronte á golpista de Lenin e, en ocasións, á de Plekhanov.

Durante o Segundo Congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, foi expulsada da xunta editorial de Iskra xunto con Aleksandr Potresov e Pavel Axelrod por Lenin grazas á maioría, mínima, que lograra no congreso debido á retirada dalgúns delegados.[87] En novembro de 1903, regresou á xunta editora de Iskra pola ruptura entre Plekhanov e Lenin e o apoio do primeiro ao regreso dos antigos editores, que levou a renuncia de Lenin.[88]

A súa oposición á indefinida preeminencia da intelectualidade no movemento revolucionario e ao autoritarismo no partido levouna a condenar o leninismo xa en 1904.[89][90] A súa ruptura con este sucedeu a un período de grande admiración mutua.[91]

Defendeu a transformación da organización clandestina do movemento nun partido político de masas, postura condenada por Lenin e Plekhanov como «liquidacionismo».[92] Para estes o cambio suporía a desaparición da organización, mentres que para os seus defensores, entre eles Zasulich, consistía en convertela nunha agrupación verdadeiramente obreira.

En 1917 formou parte da agrupación de Georgii Plekhanov, Yedintsvo («Unión»). Opúxose á Revolución de Outubro na que os bolxeviques tomaron o poder no país. Defendeu o mantemento dun sistema medianamente democrático que, na súa opinión, debía evitar que o novo Goberno dexenerase nunha tiranía.[93]

A diferenza doutros revolucionarios cos que colaborou como Lenin ou Plekhanov, Zasulich non creou unha doutrina asociada ao seu nome, non creou partido propio nin tivo seguidores, sendo considerada unha figura menor dentro do movemento revolucionario ruso.[94]

  1. 1,0 1,1 Bergman 1983, p. 40.
  2. 2,0 2,1 Ascher 1972, p. 232.
  3. Bergman 1983, p. 248.
  4. 4,0 4,1 Baron 1966, p. 22.
  5. 5,0 5,1 Bergman 1983, p. 1.
  6. 6,0 6,1 Bergman 1983, p. 2.
  7. 7,0 7,1 Bergman 1983, p. 3.
  8. Bergman 1983, p. 30.
  9. Bergman 1983, p. 31.
  10. Bergman 1983, p. 32.
  11. Bergman 1983, p. 5.
  12. Bergman 1983, p. 6.
  13. Bergman 1983, p. 8.
  14. Bergman 1983, p. 11.
  15. Bergman 1983, p. 12.
  16. Bergman 1983, p. 15.
  17. Kucherov 1952, p. 88.
  18. Bergman 1983, p. 16.
  19. Bergman 1983, p. 17.
  20. Bergman 1983, p. 21.
  21. Bergman 1983, p. 19.
  22. Bergman 1983, p. 20.
  23. Bergman 1983, p. 26.
  24. Bergman 1983, p. 27.
  25. Bergman 1983, p. 28.
  26. Bergman 1983, p. 29.
  27. Bergman 1983, p. 33.
  28. Foi máis tarde trasladado a outra prisión onde perdeu a razón e acabou morrendo.
  29. Bergman 1983, p. 34.
  30. Bergman 1983, p. 39.
  31. Kucherov 1952, p. 86.
  32. Bergman 1983, p. 41.
  33. Kycherov 1952, p. 87.
  34. Bergman 1983, p. 50.
  35. Bergman 1983, p. 44.
  36. Kucherov 1952, p. 92.
  37. Bergman 1983, p. 45.
  38. Kucherov 1952, p. 93.
  39. Bergman 1983, p. 57.
  40. Bergman 1983, p. 58.
  41. Knight 1979, p. 139.
  42. Bergman 1983, p. 63.
  43. Bergman 1983, p. 64.
  44. Bergman 1983, p. 65.
  45. Baron 1966, p. 43.
  46. Bergman 1983, p. 66.
  47. Bergman 1983, p. 69.
  48. Ascher 1972, p. 49.
  49. Bergman 1983, p. 59.
  50. Bergman 1983, p. 53.
  51. Ascher 1972, p. 79.
  52. Bergman 1983, p. 81.
  53. Bergman 1983, p. 103.
  54. Ascher 1972, p. 88.
  55. Bergman 1983, p. 93.
  56. Bergman 1983, p. 83.
  57. Bergman 1983, p. 84.
  58. Bergman 1983, p. 96.
  59. Baron 1966, p. 134.
  60. Bergman 1979, p. 244.
  61. Bergman 1983, p. 73.
  62. Baron 1966, p. 81.
  63. Bergman 1983, p. 97.
  64. Ascher 1972, p. 90.
  65. Bergman 1983, p. 72.
  66. Bergman 1983, p. 88.
  67. Bergman 1983, p. 78.
  68. Bergman 1983, p. 79.
  69. Bergman 1983, p. 105.
  70. Bergman 1983, p. 106.
  71. Bergman 1983, p. 122.
  72. Bergman 1983, p. 123.
  73. Bergman 1983, p. 128.
  74. Baron 1966, p. 162.
  75. Baron 1966, p. 163.
  76. Baron 1966, p. 210.
  77. Bergman 1979, p. 250.
  78. Bergman 1983, p. 109.
  79. Bergman 1979, p. 251.
  80. Bergman 1979, p. 245.
  81. Getzler 1967, p. 66.
  82. Ascher 1972, p. 192.
  83. Bergman 1983, p. 118.
  84. Bergman 1979, p. 252.
  85. Bergman 1979, p. 253.
  86. Bergman 1983, p. 119.
  87. Getzler 1967, p. 80.
  88. Getzler 1967, p. 88.
  89. Bergman 1979, p. 254.
  90. Bergman 1983, p. 120.
  91. Bergman 1979, p. 255.
  92. Bergman 1979, p. 256.
  93. Bergman 1979, p. 248.
  94. Bergman 1979, p. 243.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]